- Grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF, xestionados a través da Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM), ALUCEM ten en marcha este 2025 un programa de atención integral en esclerose múltiple.
- Esta subvención permite á Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) contar con 3 profesionais para este servizo.
- ALUCEM, membro de FEGADEM, tamén adecuará os espazos de atención directa para persoas con Esclerose Múltiple grazas a esta axuda.
Lugo | 25/3/2025
A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM), membro da Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM), continúa ofrecendo este 2025 o seu programa de atención integral en esclerose múltiple e outras doenzas afíns, coa finalidade de cubrir as necesidades de psicoloxía, fisioterapia e traballo social, ademais de adaptar un local mediante a súa aclimatación para o seu uso na atención das persoas socias.
A través do servizo de atención integral, ALUCEM ofrecerá actividades psicosociais (obradoiros de memoria, terapia psicosocial individualizada…), recepción de novos casos dende o traballo social e terapias fisioterapéuticas rehabilitadoras. Para desenvolver este servizo, ALUCEM contará con 3 profesionais.
Ademais, co proxecto de adecuación dos espazos de atención directa para persoas con Esclerose Múltiple, a Asociación renovará e mellorará as súas instalacións en beneficio das persoas asociadas á entidade mediante a aclimatación do local destinado a este fin.
Estes programas poderán levarse a cabo grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF, procedentes das persoas que marcaron o cadro de ‘Actividades de interese xeral consideradas de interese social’ na declaración da renda. Deste programa beneficiaranse un total de 40 persoas da área da provincia de Lugo afectadas de esclerose múltiple.
A ESCLEROSE MÚLTIPLE
A Esclerose Múltiple afecta en España a preto de 58.000 persoas, constituíndose como unha das enfermidades máis comúns do Sistema Nervioso Central (SNC). Galicia é a área coa prevalencia máis alta, existindo na actualidade unhas 4.500 persoas diagnosticadas. A esclerose múltiple é unha enfermidade crónica autoinmune, desmielinizante, neurodexenerativa e progresiva do SNC. Os síntomas temperáns máis habituais son a fatiga, problemas de visión, formigueos, entumecementos, vertixes e mareos, debilidade muscular, espasmos y problemas de equilibrio e coordinación. Moitas manifestacións da enfermidade son ‘invisibles’, pero inciden no día a día de quen convive con ela. A incapacidade que provoca caracterízase por trastornos motores, cognitivos e da agudeza visual, acompañada doutras alteracións coma ansiedade e/ou depresión.
QUE É ALUCEM
ALUCEM naceu no 1996 coa intención de mellorar a vida das persoas afectadas pola esclerose múltiple e a das súas familias. Na actualidade presta servizos de fisioterapia, psicoloxía social e traballo social, ademais de financiar outros servizos privados ás súas persoas asociadas na provincia de Lugo.
Para máis información, contactar con:
Natalia Fernández Sánchez (Departamento de Comunicación de FEGADEM)
co**********@***********************ia.org
604 035 684







