NOTA DE PRENSA
Este 2026 ALUCEM continuou o seu traballo para mellorar a calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple grazas á ‘X Solidaria’
- Grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF, xestionados a través da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), ALUCEM levou a cabo este 2026 un PROGRAMA DE VISIBILIZACIÓN E APOIO DIRECTO NA ESCLEROSE MÚLTIPLE.
- Esta subvención permite á Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) contar con 4 profesionais para este servizo, e beneficiou a 27 persoas de forma directa.
Lugo | 31/1/2026
A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM), membro da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), ofreceu este 2026 o seu programa de visibilización e apoio directo na esclerose múltiple. Algúns dos principais obxectivos deste programa foron os seguintes:
Promover o desenvolvemento máximo das capacidades de cada unha das persoas participantes para a mellora da súa autonomía persoal, ademais da súa participación social para o alcance dos seus obxectivos vitais, a través do desenvolvemento de itinerarios personalizados de intervención social.
Favorecer o desenvolvemento das capacidades físicas para manter as capacidades funcionais ou reducir e limitar os procesos dexenerativos.
Proporcionar información, orientación e asesoramento en relación aos recursos sociais existentes e desenvolver intervencións sociais continuadas nas situacións que o precisaran.
Promover a mellora da calidade de vida e a participación social das persoas con discapacidade a través de actividades deportivas e de ocio.
Desenvolver campañas de sensibilización social co obxecto de concienciar á sociedade sobre diferentes temáticas asociadas á discapacidade.
Este programa, para o que ALUCEM contou con 4 profesionais e que beneficiou de forma directa a un total de 27 persoas nos concellos de Lugo, Vilalba e Monforte de Lemos, puido levarse a cabo grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF, procedentes das persoas que marcaron o cadro de ‘Actividades de interese xeral consideradas de interese social’ na declaración da renda.
ESCLEROSE MÚLTIPLE
A Esclerose Múltiple afecta en España a preto de 58.000 persoas, constituíndose como unha das enfermidades máis comúns do Sistema Nervioso Central (SNC). Galicia é a área coa prevalencia máis alta, existindo na actualidade unhas 4.500 persoas diagnosticadas. A esclerose múltiple é unha enfermidade crónica autoinmune, desmielinizante, neurodexenerativa e progresiva do SNC.
Os síntomas temperáns máis habituais son a fatiga, problemas de visión, formigueos, entumecementos, vertixes e mareos, debilidade muscular, espasmos y problemas de equilibrio e coordinación. Moitas manifestacións da enfermidade son ‘invisibles’, pero inciden no día a día de quen convive con ela. A incapacidade que provoca caracterízase por trastornos motores, cognitivos e da agudeza visual, acompañada doutras alteracións coma ansiedade e/ou depresión.
QUE É ALUCEM
Alucem naceu no 1996 coa intención de mellorar a vida das persoas afectadas pola esclerose múltiple a dos seus familiares. Na actualidade presta servizos de fisioterapia, psicoloxía social e traballo social, ademais de financiar outros servizos privados aos seus asociados na provincia de Lugo. Alucem forma parte das seguintes confederacións: COGAMI-COCEMFE (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), FEGADEM (Federación Galega de Asociacións de Esclerose Múltiple) E AEDEM (Asociación Española de Esclerosis Múltiple).




