Publicado el Deja un comentario

Balance anual do IRPF 2024

Programa de atención psicosocial na Esclerose Múltiple, cofinanciado pola Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF | ALUCEM

ALUCEM, a través do seu programa de atención psicosocial, beneficiou a 104 persoas con Esclerose Múltiple este 2024 grazas á ‘X Solidaria’

• O programa foi posible grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF, xestionados pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM).
• A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) puido ofrecer o servizo grazas ás subvencións que as persoas contribuíntes derivaron marcando o cadro de ‘Actividades de interese xeral consideradas de interese social’ na súa declaración da renda.

LUGO | 30/12/2024

A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) ofreceu este 2024 un programa de atención psicosocial na Esclerose Múltiple a persoas con esta enfermidade e outras afíns, do que se beneficiaron 104 persoas. O programa levado a cabo caracterízase por brindar apoio emocional e social ás persoas afectadas, buscando mellorar o desenvolvemento da súa autonomía persoal para así acadaren unha maior independencia na súa vida cotiá. Dito programa promove as capacidades destas persoas e mellora a autoestima a través da atención, información, orientación e asesoramento psicosocial.


Este servizo conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través da convocatoria de subvencións destinadas a programas de interese xeral con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, grazas ás persoas que marcaron a casilla de actividades de interese social, coñecida como ‘X Solidaria’. Esta subvención foi xestionada pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM), no marco do seu ‘Programa de información, orientación e asesoramento para mellorar a calidade de vida das persoas con EM’.


Grazas a este financiamento, foi posible a contratación dunha psicóloga que ofreceu terapia psicosocial, formou diferentes grupos e organizou obradoiros en beneficio das persoas con Esclerose Múltiple (EM) e mais as súas familias do ámbito da provincia de Lugo.


O programa de atención psicosocial na Esclerose Múltiple destaca a relevancia da atención psicosocial como unha ferramenta fundamental na mellora da calidade de vida das persoas con EM e as súas familias. Este programa reflicte o compromiso de ALUCEM e de FEGADEM con traballar en prol da saúde mental das persoas con EM e as súas familias, ademais de poñer de manifesto o papel fundamental da X Solidaria no impulso de iniciativas sociais que fomentan a saúde mental e o benestar.